O Baúl dos Recordos

OS INICIOS

No ano 92, oculto entre moitos acontecementos (olimpíada de Barcelona, Expo de Sevilla, capitalidade cultural europea e outros), nace o Grupo Vocal Sólo Voces. Aproveitando a festividade de Santa Cecilia, o día 20 de novembro de 1992 debuta no Conservatorio de Lugo.

A primeira formación, lonxe da magnitude actual, estaba formada por apenas dúas persoas por corda. Ata o noso director cantaba mentres dirixía.

A idade media dos membros do coro era, no seu inicio, de 25 anos. Así puido presentarse a uns certames de música coral que organizaba a Xunta de Galicia dirixidos a coros novos, cunha media de idade inferior a 30 anos. Nestes certames, celebrados en Pontevedra, deixouse ver Sólo Voces entre os anos 1992 e 1995. A TVG reflectiu o evento en 1992 nun dos seus Telexornales onde Sólo Voces aparece cantando "Tarde em Itapoa" e a voz do locutor cualifica ao grupo como "innovador" Que ilusión!

Aos poucos o coro vaise integrando nos circuítos provinciais e visita localidades como Vilalba, Burela, Monforte, Monterroso, Saviñao, Taboada, etc, o que lle vale para irse dando a coñecer por toda a provincia. Ao mesmo tempo vaise dando a coñecer nas provincias veciñas. En 1995, cando o coro está a cumprir tres anos de existencia, prodúcese uns dos fitos da súa historia. Preséntase a un programa concurso de TVG ("Con música propia") e alcanza a final, con outros tres coros galegos. O día 29 de decembro retransmítese a final en diferido, e os fogares galegos poden ver como un novo coro de cámara de Lugo recolle o primeiro premio, dotado con 1.000.000 de pts de mans do presidente da la Xunta de Galicia (Manuel Fraga  Iribarne, neses tempos).

O seguinte ano tamén vai ter os seus momentos de gloria. A Asociación Agromadas de Seixalbo (Ourense) convoca un concurso de composición: I Memorial Anselmo Igrexas. Haberá premio para a mellor obra presentada, e premio para o coro que faga unha mellor interpretación no escenario. Todos os coros cantan unha peza do homenaxeado Anselmo Igrexas “Ave Maria” e han de interpretar a obra que levan a concurso. Sólo voces concorre con “Fontiña do caravel”, composta por Javier Gómez Jácome, un dos membros do coro. A peza non foi premiada (unha pena) pero o coro recibe o 1º Premio de Interpretación. Se o compositor non sae triunfante do evento, o coro sae pola porta grande, cun novo 1º Premio na súa folla. Algún coro dos alí participantes pasado o tempo afirma recibir o 1º Premio de Interpretación (lémolo nos programas de man onde figura o seu currículo) pero non llo crean vostedes. O primeiro premio de interpretación do I Memorial Anselmo Igrexas recibiuno Sólo Voces. Para proba, aí vai a acta do xurado.

Mentres tanto Sólo voces vaise facendo cun oco na “vida social” de Lugo e empezan a chamarnos para os actos públicos como Pregón de Nadal, Pregón de Semana Santa, Cerimonia de entrega do premio Ánxel  Fole, o que vai tecendo unhas adoitadas relacións de Sólo Voces coas institucións lucenses.

SÓLO VOCES INTERNACIONAL

A primeira saída internacional do grupo foi un concerto ao que Sólo Voces foi chamado para participar, en Fafe (Portugal). Sae de Lugo a media mañá, toca comer á altura de Viana do Castelo e chega a destino ás 16:30, máis ou menos, onde é recibido polo espléndido (en sentido musical e humano) coro do Grupo Nun Álvares, que senta á mesa aos membros do grupo e ofrécelles unha opípara comida onde non falta as especialidades da terra: o caldo verde e a vitela. Poucos son os cantores que poden facer fronte ao recibimento.

Tamén garda lembranza moi grata de cando viaxou a Praga, a primeiros de decembro de 2000, e dunha viaxe a Salzburgo, onde tivo ocasión de cantar na Catedral e a Igrexa dos Franciscanos. Todo un luxo.

CONQUISTANDO O MUNDO

Pasados eses primeiros anos, o grupo mudou de rumbo, e en lugar de presentarse a certames, comezou a gravar varios discos e estender a súa música fóra de Galicia.

No 2003 fomos a Avilés, Cangas de Onís e Lisboa, e gardamos un grato recordo deses lugares. O noso paso polos Lagos de Covadonga foi eclipsado por un acontecemento de moito maior transcendencia na opinión pública.

O seguinte ano, tivemos a sorte de ser chamados pola compañía lírica Carmen Quintana para colaborar na representación en Lugo da zarzuela "Bohemios", dirixida por Jorge Rubio. Foi unha experiencia inesquecible para todos os membros do noso grupo e doutras corais de Lugo que tamén participaron.

En novembro de 2005, fomos convidados o festival Tomás Luís de Vitoria, celebrado en Ávila. Bos recordos tamén desta cidade, a pesar do intenso frío.

En 2006 gravamos o noso segundo disco, "Nihil novum sole", coa música sacra do século XX. O lugar escollido foi o salón de actos do Conservatorio Profesional de Lugo.

E ao ano seguinte gravamos algunhas obras de Tomás Luís de Vitoria. Esta vez, na igrexa románica de Pombeiro, na Ribeira Sacra.

No inverno seguinte, no 2007, fomos convidados pola Coral Peñasanta de Cangas de Onís para participar na súa bienal. E alá fomos, de novo visitando esa fermosa vila.

E que pasou no 2008? A gravación do himno do Azkar Lugo, por suposto! Muralla da Galiza: Prone vencerá!

E no ano 2009, atraídos pola cervexa, o chucrut, as "salchichas azuis", e por que non dicilo, grazas á amable invitación do coro Voices, poñemos rumbo a terras alemás, e imos parar a unha encantadora aldeíña do suroeste de Alemaña coñecida como "Wüzburg". Na Gethsemanekirche ofrecemos un concerto en colaboración co coro Voices. Regresamos á nosa terra galega, un pouco máis gordos e felices, pero manexando á perfección o alemán.

Viaxamos no tempo ata 2010, ano no que gravamos un novo disco, "Dos siglos de música lucense". Os lugares escollidos foron o Auditorio de Santiago e a igrexa de  Pombeiro. Por que será que as mellores fotos das gravacións son as de voces brancas?

Ano 2011. A orquestra sinfónica de Galicia ofrece no Palacio da Ópera de Coruña unha representación de "Carmina Burana" de Karl Off. Como novidade, convida a tres coros para colaborar nalgunha das partes desde o patio de butacas. Adiviñades que coro tivo a sorte de ser convidado?