Juan Montes
- 1887. Montes en París
- 1888. Os primeiros pasos do Orfeón Gallego.
- 1890. O Certamen Musical da Coruña e a "Plegaria a la VIrgen"
- 1892. O feliz ano da Negra sombra
- 2017. No 125 aniversario da Negra sombra
- O busto de Montes en Lugo
- Montes e os seus orfeóns na poesía do seu tempo
Audios
Xornadas sobre Xoán Montes (ano 2011)
- 6 baladas galegas (por Carmen Subrido e Xoán Elías Castiñeira)
- Missa in honorem Iacobi (por Solo Voces e Orquestra clásica de Xove)
Retrato baseado no que apareceu publicado en "A Monteira" en setembro de 1890, obra de Urbano González
XAN MONTES (1840 – 1899)
Juan Bautista Varela de Veiga publicou o traballo biográfico máis extenso e documentado sobre este músico. A partir desta publicación sacamos unhas liñas que ofrezan un breve resumo da vida de J. Montes:
Xan (Xoán / João) Montes (Juan Hermenegildo Montes Capón) naceu nun 13 de abril nunha casa da rúa Nova de Lugo, probabelmente no número 30, fillo de Félix Montes e Juana Capón. Como fregués da parroquia de S. Froilán, foi bautizado na capela do mesmo nome da Catedral lucense, sede parroquial naquela altura.
Con nove anos de idade ficou orfo de pai en marzo de 1850 e en outubro dese mesmo ano ingresou como estudante no Seminario Diocesano de Lugo, daquela situado no edificio da Praza Maior que hoxe ocupa o colexio dos PP. Franciscanos. No Seminario fixo os seus estudos até o ano 1863, cursando catro anos de Latinidade e Humanidades, tres de Filosofía, e cinco de Teoloxía. Neses anos de estudo tomou o primeiro contacto co estudo da música, ao recibir as primeiras leccións dun “dómine de palmeta”* que o instruíu nos rudimentos do solfexo. Cun manual de harmonia, furtando horas ao estudo da teoloxía e axudándose dunha “plebeya guitarra”* comezou a súa andaina como músico, compoñendo motetes, vilancicos, pastorelas de Nadal...
Salve Regina, asinada no 26 de maio de 1857 é a obras mais antiga de Montes, conservada no Seminario de Lugo
Foto: Fernando G. Jácome
Manuel García Gil, profesor e vicerreitor do Seminario, animou a Montes, no ano 1853, a formar un coro de seminaristas para adornar con música os cultos a María no mes de maio, na Capela dos Ollos Grandes da Catedral. Fíxose ese ano, e repetiuse a experiencia en anos seguintes.
Con 23 anos abandonou o Seminario e volveu á casa materna, situada xa no número 23 da Praza de Santo Domingo, onde vivirá o resto dos seus días. Empregouse como pianista dunha sociedade recreativa de recente formación, o Círculo das Artes, onde tocou o piano para deleite dos socios. Neste emprego coincidiu cunha das figuras importantes da música lucense, Isidoro Blanco, pianista e organista na catedral. No ano 1865 abandonou o cargo, a petición dalgúns socios descontentos co tipo de música que Montes ofrecía nos bailes da sociedade. Deixou o posto, e pasarán quince anos até volver exercer como pianista noutra sociedade recreativa, o “Casino de Caballeros”, onde traballará desde 1880 até 1893.
No 1876 o concello de Lugo encargoulle a Montes a formación dunha banda municipal. Como director cobrará 1.250 pts ao ano. En outubro dese ano, a banda debutou baixo a batuta do mestre, coa sinfonía de El Pirata de Bellini. Ademais da banda municipal, dirixiu tamén a Orquestra do Teatro Municipal. En agosto de 1883 Montes deixou a dirección da banda pola situación de desleixo por parte das autoridades do concello, feito que xa denunciaran os músicos.
Banda municipal de música con Juan Montes
Outro feito destacado de Montes nesa época é a oposición ao cargo de organista segundo da Catedral. Ao conseguir o posto en 1878, a catedral pasou a contar con Isidoro Blanco como organista primeiro e Montes como organista segundo.
En setembro dese ano formouse unha Estudiantina para poñer música festiva nas celebracións do S. Froilán. Os músicos da estudiantina (40 rapaces cantantes acompañados de guitarras, violíns, bandurras, frautas e percusións varias) percorreron as rúas do centro da cidade no día 4 de outubro. A visita do Orfeón Coruñés dirixido por Pascual Veiga á cidade nese S. Froilán favoreceu que os xoves da Estudiantina visitasen a cidade da Coruña tempo despois, establecendo un vínculo con esa formación musical.
Estudiantina lucense
Foto do arquivo de Carlos Latorre Díaz
A Estudiantina disolveuse no ano 1879, deixando o gromo para a creación dun orfeón. Esta experiencia musical favoreceu as circunstancias que permitiron a Montes fundar nese momento o Orfeón Lucense, co que acadará grandes éxitos nos anos seguintes, como o premio obtido no Certame Musical de Ferrol, convocado para a inauguración do Dique da Campá.
Foto: "Xan Montes. O músico esquencido"
Nos anos seguintes o Orfeón diminuíu a súa actividade de ensaios e actuacións, de xeito que a mediados dos 80 está case desaparecido. Montes, non obstante, mantiña a súa intensa actividade musical dando concertos co “Sexteto Montes”, unha agrupación de cámara que dirixía el mesmo, e coa que traía aos lucenses os meles do repertorio clásico da época.
No ano 1887 Montes deu un novo pulo á música da cidade fundando o Orfeón Gallego, contando con 50 voces masculinas. Con este novo orfeón tamén escribirá páxinas de gloria, cos premios de Santander e Bilbao. Como director desta agrupación seguirá producindo música coral, como baladas, muiñeiras, motetes e facendo diversos arranxos até a fin dos seus dias.
Foi tamén en 1887 cando recibiu polo seu Te Deum o primeiro dos recoñecementos como compositor, ao acadar o segundo accésit no certame de composición celebrado no Escorial con motivo do XV centenario da conversión de S. Agustiño. A este premio seguirán outros moitos, na Galiza e fóra dela, que colocaron a Montes como un dos principais compositores do país e do estado español durante o século XIX, tanto no eido da música relixiosa como no da música popular. O crítico musical Ramón Arana, no panexírico escrito á morte de Montes en xuño de 1899 escribía no xornal “El Regional”: “No podemos ahora, bajo la tremenda impresión recibida, justipreciar los incuestionables méritos del que superó a Pacheco en el género religioso e a Marcial del Adalid, en el popular;”
Montes na portada de "La ilustración Musical Hispano Americana, nº 182 (1895)
Como compositor iniciou neses anos un intenso labor, presentándose a diversos certames musicais e conseguindo neles premios como os que levou pola Alborada galega para banda (Vigo, 1888), pola Sonata descriptiva gallega para cuarteto de arco, Balada gallega para canto e piano e Plegaria a la Virgen (A Coruña, 1890), polo Paso-doble sobre aires populares de Galicia para banda e Nocturno para orfeón (Vigo, 1891), ou o triplete acadado cunha Romanza para canto e piano, un Paso-doble para banda e unha Barcarola para orfeón no certame de León (1892), ano tamén do premio á Fantasía sobre aires populares gallegos para grande orquestra no certame da Habana (1892). Alén destes premios, tamén son destacábeis o segundo accésit de Valencia (1893) pola Misa sobre los himnos Eucarsíticos, ou o premio de Santiago pola súa Missa ” in honorem Sancti Iacobi Apostoli” (1897)
Na Catedral de Lugo, despois da destitución de Domingo Peña como mestre de capela e do ínterim en que ocupa o cargo Márquez como interino foi nomeado Montes, tamén de forma interina, para exercer a función de mestre de capela. Nese posto permanecerá até que en 1894, por oposición, ocupou o mestrado Octavio Torres.
Na madrugada do 24 de xuño de 1899, tras deitarse indisposto e cunha forte dor de cabeza, morreu Xoán Montes na súa casa de Santo Domingo. A cidade enteira ficou conmocionada, e Galiza tamén asistiu con pasmo á noticia do falecemento do querido e respectado mestre. Innumerábeis son as mostras de loito que recibe a familia e as sociedades lucenses nos días seguintes ao deceso. Procedente da Liga Gallega, de Santiago de Compostela, con data de 25 de xuño de 1899 chegou unha carta impulsando a idea de construír un monumento “a la memoria del que era un verdadero genio de la música y del canto popular de Galicia y en el cielo del divino arte, una estrella semejante en magnitud a Rosalía de Castro en la esfera de la poesía regional” A carta ía asinada polo presidente e secretario da Liga Gallega de Santiago, Salvador Cabeza León e Alfredo Brañas, respectivamente.
* Con esas palabras cóntao Indalecio Varela Lenzano, alumno de Montes, quen un ano despois do pasamento do mestre contraería matrimonio coa sobriña del, Asunción Montes.
Apéndices
En base a informacións obtidas a través da consulta de prensa histórica ofrecemos estas resenhas que complementan o coñecemento que temos de Montes a partir das publicacións de Varela de Vega.
1887. Montes en París
Así viu Montes a torre Eiffel em París en 1887. A foto (de wikipedia) corresponde ao estado de obra (levantamento do alicerce 3) o 18 de xullo dese ano.
A comezos de xuño de 1887 Ángel Montes, sobriño de J. Montes, foi mordido na rúa de San Roque de Lugo por un can sospeitoso de ser rabioso. Ante a posibilidade de desenvolver Ángel a terrible enfermidade saíron para París o 18 de xuño tío e sobriño, con destino á clínica Pasteur, pioneira en Europra no tratamento contra a rabia.
Xa no verán do ano anterior a Diputación de Lugo sufragara os gastos de viaxe a Jesús Rodríquez López, médico lucense e amigo de Montes para acompañar na súa viaxe a París a unha moza lucense que tamén, ao ser mordida por un can rabioso, tivo necesidade de ser atendida en dita clínica. Jesús Rodríguez López ademais de médico era escritor, e foi o autor da letra da famosa muiñeira de Montes "Ou bico".
Saíron, pois, con destino á capital francesa, de onde volveron a Lugo o 8 de xullo con Ángel totalmente restablecido. É de supoñer que neses días de estancia en París Montes haberá ter a oportunidade de asomarse ás obras da incipiente Torre Eiffel, cuxa primeira pedra púxose o 28 de xaneiro dese mesmo ano. Os traballos de cimentación da torre foron concluídos o 30 de xullo, cando quedaron listos os catro alicerces que haberían de soportar a fabulosa torre, así que a aparencia da obra que Montes podería ver sería moi similar á da foto.
Tampouco sería desatinado -xa que nada sabemos desta viaxe a través do biógrafo de Montes, Varela de Veiga- pensar que Montes aproveitaría a visita para mergullarse no mundo musical parisino de 1887 (ano en que ese grupo de músicos que asinaron o ocaso do romanticismo foron chamados "impresionistas"), coñecer de primeira man a música de Debussy, de Satie ou de Faure, asistir á ópera... ou quizais coñecer personalmente a Laurent de Rillé, referente da música orfeonística.
1888. Os primeiros pasos do Orfeón Gallego, e "Adiós", a melodía de Schubert que non era de Schubert.
A mediados de marzo de 1888 a prensa local anuncia a nova de que, baixo o nome de Orfeón Gallego, constitúese unha nova masa coral en Lugo baixo a dirección do laureado mestre compositor D. J. Montes. O coro conta nese seu inicio con 34 mozos membros que ensaian un "Miserere" para estrear o seguinte Mércores santo na cidade.
Despois desta primeira intervención o novo orfeón ponse mans á obra para presentarse en público no Teatro de Lugo, talvez o mes de xuño. A prensa comenta que se ouve ponderar moitísimo unha belísima melodía de Schubert arranxada para voces soas polo "intelixente director", e tamén fanse eloxios da canción galega "Que ten o mozo?", de Piñeiro, que cantara o pasado ano en Madri o orfeón El Eco. Na velada tamén participará o sexteto de Montes.
Será a final o sábado 7 de xullo que o orfeón revela ao público lucense o froito dos ensaios desta nacente formación. No repertorio está anunciada unha "Barcarola" a voces soas de Montes, "Aux bords du Rhim" de Kunck, "Adiós" de Schubert e "Que ten o mozo?" de Piñeiro, ademais de varias intervencións *instrumentais do Sexteto de Montes.
Programa da velada en "El Regional", 7 de xullo de 1888
O día seguinte a prensa conta que o concerto non foi tan concorrido como estaba acostumado o teatro a ver en ocasións anteriores, co Orfeón lucense, porén os números anunciados foron executados con perfección. Gustoulles moito a "Barcarola" e "Aux bords du Rhim" mais a delicada melodía de Schubert foi maxistralmente interpretada e con tal afinación que houbo un momento en que dubidou o xornalista autor da crónica se a voz dos tenores procedían dun coro ou só dun consumado artista. Tamén "Que ten o mozo" gustoulle moito. Todas foron moi aplaudidas, mais o público pediu a repetición da dúas últimas.
Adieu, de François Schubert
Por certo, que a tal melodía de Schubert non é deste autor, senón de August Heinrich von Weyrauch (1788 - 1865), publicada polo autor en 1824, en alemán, como "Nach Osten". Unha posterior versión francesa publicada en París preto do ano 1835 baixo o título "Adieu!" de F. Schubert atribúe esta melodía ao compositor austríaco, e o barullo é aínda maio cando Richault volve publicar a obra en 1844 e traduce F. Schubert como François Shubert, o que pasa a falsa autoría a François Schubert (1808 - 1878) e a confusión fai esquecer ao bo August, autor da melodía que conmoveu a Montes.
1890. O Certame Musical da Coruña e a "Plegaria a la Virgen"
O ano 1890, con motivo da celebración das festas da padroeira da cidade, a Virxe do Rosario, o Orfeón Coruñés nº 4 que dirixía e presidía Pascual Veiga decidiu organizar un certame musical de composición co xurado formado en París e presidido polo eminente compositor Laurent de Rillé. Montes presentouse a dito certame con tres obras: unha Sonata para quarteto de cordas, unha pregaria para orfeón dedicada á Virxe do Rosario, e unha Balada galega para canto e piano.
As lixeiras andurñas en Edición de Canuto Berea.
Foto de Fernando G. Jácome
A Plegaria á Virxe do Rosario "El piélago del mundo" enviada por Montes chegou a Coruña a mediados do mes de xullo, e a prensa local lucense dá noticia de que «en la secretaría del orfeón Coruñés nº 4 se han recibido diez composiciones, quedando registradas co los números 32, 33, 34, 35, 36, 37, 38, 39, 40 y 41 respectivamente, y que contienen los siguientes lemas: [...]» Isto da unha idea de que a concorrencia de competidores foi abondosa. A pregaria de Montes vai presentada co lema “Ora pro nobis virgo sacratissimi Rosarii” O bispo Aguirre foi o doador do premio á Pregaria, como xá anunciara a prensa no mes de abril: «los premios recibidos hasta la fecha para el Certamen musical organizado por el Orfeón Coruñés nº 4 son los siguientes: un hermoso tríptico del Ilustrísimo señor Obispo de Lugo. Una rica pluma de oro del Ilustrísimo señor don Eduardo Vicenti [... etc]»
Plegaria a la Virgen. Portada da edición de Canuto Berea.
Foto de Fernando G. Jácome
O xurado outorga ás tres obras presentadas por Montes os primeiros premios nas súas respectivas modalidades. No 27 de agosto sae na prensa local (EL Lucense) o veredicto do certame emitido desde París, no que dá a relación dos lemas das obras premiadas, entre eles unha pregaria con lema "Ora pro nobis virgo sacratissimi Rosarii". Mais é no 30 de agosto cando o público de Lugo pode ler a noticia dos premios conseguidos polo noso paisano: «Tenemos una vivísima satisfacción, un verdadero y noble orgullo, al participar a nuestros lectores una noticia que acaba de comunicarnos el telégrafo. Juan Montes, el modesto e inteligente músico que tantos días de gloria lleva proporcionado a Lugo; el primer compositor gallego que acometió con feliz éxito el difícil empeño de dar a la música regional, al melancólico canto de nuestros campesinos, la forma clásica que Haydn y Mozart han idealizado; el que, en el campo del arte, cuenta tantas victorias como veces ha luchado, acaba de obtener un triunfo más, pero importantísimo, TRIPLE.»
De feito, a "Sonata *descriptiva galega" para quarteto fixo que o público amante da boa música dos quartetos de Haydn e Mozart puidese escoitar un alalá tocado cos instrumentos de arco e a balada "As lixeiras anduriñas" fixo que os amantes do lied de Shubert puidesen escoitar unha música igual de sublime cantada en galego.
O eco da prensa coruñesa, que recolle o xornal "El *Lucense" dá a noticia de que Montes recolleu os tres primeiros premios entre os aplausos do público coruñés. Na cidade de Lugo as fachadas dos predios que ocupaban o Casino e o Círculo das artes luciron lindas iluminaciones, podéndose ler, nesta última sociedade, as iniciais J M escritas con lámpadas de cristal.
Sobre a pregaria "El piélago del mundo", alén do publicado por Varela de Vega e López Calo, podemos dicir:
A partir dos manuscritos conservados na biblioteca do Seminario *diocesano de Lugo, arquivo da S.I.C.B. de Lugo e da edición impresa en Canuto Berea pódese inferir a existencia de tres versións distintas da Pregaria:
- A orixinal, presentada a concurso co devandito lema dedicado á Virxe do Rosario, é para 4 voces de home, dous tenores e dous baixos, a cappella. No texto faise mención á Virxe nos compases 27-34: "¡Oh, Virgen del Rosário, en tan revuelto mar del alma en el santuario elévase tu altar!"
- Outra versión conservada nas cuarto particellas para orfeón (dous de tenor, unha de barítono e outra de baixo) na catedral, quen vén titulada como "Plegaria de concierto". Non presenta acompañamento de órgano, e ten unhas pequenas diferenzas no texto con respecto á partitura enviada a concurso. Por exemplo, neses compases 27-34 di: "¡Oh, Virgen bondadosa, en tan revuelto mar el alma siempre ansiosa te invoca sin cesar" Xa nos compases 5-8 o texto muda do "un denso caos profundo le cubre sin cesar" a "un denso caos profundo de sombras cubre el mar" E para rematar, na parte final da pregaria, os versos "Los héroes de Lepanto en ti su triunfo ven. ¡Cubridnos con tu manto, protégenos también!" pasan a ser "tu eterna protección, atiéndelo, Señora, acoge su oración!
- Unha terceira versión é a publicada por Canuto Berea co mesmo texto da "Plegaria de concierto" e con acompañamento de órgano. Consérvase, ademais da versión impresa, a manuscrita incompleta no Seminario (fáltalle a última páxina). Indica que se pode executar a obra con orfeón ou ben a unha voz soa con acompañamento de órgano. Nesta partitura engade Montes a marca de metrónomo dando valor á negra = 54, ademais da indicación inicial de legatissimo. A dedicatoria que exhibe xa non é a de a versión orixinal "Á Santísima Virgen del Rosario" senón que pasa a ser "Ao doante do premio, o Ilmo. Sr. D. Frei Gregorio María Aguirre, bispo de Lugo"
Portadas dos manuscritos das Plegarias nas diferentes versións referidas
1892. O feliz ano da Negra sombra
1892 foi un ano cheo de fastos en conmemoración do cuarto centenario do descubrimento de América por Cristóbal Colón. Para Montes supuxo un ano de especial fortuna no ámbito do musical, como compositor e como director do seu Orfeón Galego.
Con motivo do centenario, en León prepárase unha "Exposición Regional Leonesa" a celebrar entre os días 20 de setembro e 15 de novembro de 1892. Para a inauguración da exposición estrearase un himno que será seleccionado mediante concurso. Publícanse as bases do concurso de composición do himno, que ha de ser para orfeón a dobre coro sobre un texto que comeza co aterrecedor verso "Salid de las tumbas". As bases, publicadas pola prensa de Lugo no mes de abril, indican que o himno ten que ser presentado ao xurado antes do 1º de maio. Montes compón ese himno, e no 26 dese mesmo mes chega a Lugo por telégrafo a noticia de que o himno presentado por el, recibira o primeiro premio.
Neses días, mais ou menos a mediados de xuño, publicanse tamén as bases duns certames musicais de composición e de interpretación con motivo da devandita "Exposición Regional Leonesa". Montes participa como compositor optando ao premio á mellor "Barcarola para orfeón", á mellor "Romanza para tiple ou tenor e piano", e ao mellor "Pasodoble para banda".
Manuscrito da primeira páxina do Pasodoble premiado en León
Arquivo do Seminario de Lugo. Foto de Fernando G. Jácome
Entre tanto, desde o outro lado do Atlántico, na Illa de Cuba, as asociacións culturais están traballando arreo para comemorar eses 400 anos do decubrimento de América. Unha escisión do Centro Galego de La Habana, a Sociedade “Airiños d'a Miña Terra”, únese á celebración da efeméride convocando un concurso de composición musical que dotará con Medalla de Oro e 100 pesos de ouro á mellor composición para orquestra sobre aires populares galegos. As bases son publicadas na prensa local o 19 de xullo de 1892. Montes participa e envía a La Habana unha "Fantasia para gran orquesta sobre aires populares gallegos" A obra resultou gañadora do primeiro premio e o veredicto do certame é dado a coñecer en La Habana o 10 de setembro de 1893. A nova chega a Lugo e é publicada na prensa con escaso ardor, nun 2 de outubro de 1893. A partitura para orquestra está hoxe perdida, porén, consérvase a versión que Montes fixo para Banda da mesma obra, publicada na Coruña por Canuto Berea, e cuxo original manuscrito dorme no arquivo do Seminario Diocesano de Lugo.
Manuscrito da primeira páxina da Fantasía sobre aires galegos, premiada en La Habana
Arquivo do Seminario de Lugo. Foto de Fernando G. Jácome
A mediados de agosto recíbese en Lugo a nova de que no certame de composición de Pontevedra, no que Montes era contendente, o noso paisano recibira os dous premios en disputa, con senllas baladas para orfeón: "Doce sono" e "Negra sombra".
Neses mesmos días, o Orfeón Galego está inmerso na preparación das competicións corais de Santander e Bilbao, e preparando a toda máquina, tanto as obras obrigadas dos certames ("Los hebreos cautivos", para o de Santander, e o mastondonte de 42 páxinas "La caza del corsario" para o de Bilbao, como as obras de libre elección.
La caza del corsario, de Cleto Zavala
Obra obrigada no certame de orfeóns celebrado en Bilbao nos días 27 e 28 de agosto de 1892
Sobre 17 de xullo o Orfeón recibe a obra obrigada de Bilbao e fica sorprendido pola dificultade e extensión desta. O frenético traballo co coro e como compositor non impide, máis ben parece que provoca, unha paradiña para tomar un relax e buscar nova inspiración. Entre o 26 de xullo e o 3 de agosto, Montes fai a súa excursión anual a Céltigos, onde tomará as augas e os baños, e atopará o ambiente e inspiración necesarios para a composicón musical. De Céltigos trae na carpeta a referida "Romanza para tiple ou tenor e piano” (Duerme la gota trémula) datada no 29 de xullo de 1892.
Volve a Lugo Montes e retoma os ensaios co Orfeón, e xa no 12 de agosto o xornal anuncia que ultimou a preparación da obra "La caza del cosario". Isto danos unha idea da capacidade de traballo do Orfeón Gallego.
Días despois saen os coristas de viaxe no tren cara a Palencia. Participa o Orfeón, dirixido por Montes, nos concursos de orfeóns celebrados en Santander e Bilbao, e consegue en Santander un segundo premio que sabe a primeiro, e en Bilbao tres premios (unha coroa e dúas palmas). A cidade parece louquear de ledicia e orgullo por ter tan ilustre fillo e tan bo coro.
A finais de outubro chega a nova de que Montes se erixe como gañador do certame de composición de León antes referido, nas modalidades de “Barcarola para orfeón”, “Romanza para canto e piano” e “Pasodoble para banda”. Con estes triunfos completa un póker de ases en León, nun ano en que sería a súa consagración definitiva como compositor e como director do Orfeón Gallego.
2017. No 125 aniversario da Negra sombra
Fernando Gómez Jácome, director de Solo Voces.
No ano 2017, cando a Negra sombra facía os seus 125 anos, a redondez da cifra parecía ofrecer unha boa ocasión para volver desempoar a partitura e facer un pouco de festa en Lugo, nesta cidade nosa que ten a honra de ser a patria natal de Xoán Montes.
Para iso, desde o Grupo Vocal “Solo Voces” que dirixo, e como parte das actividade que vimos desenvolvendo desde hai case 20 anos a prol do estudo e a difusión da figura de Montes, decidimos organizar un acto musical de carácter coral –no sentido de colectivo- sobre a obra máis egrexia do mestre Montes, aproveitando o seu aniversario.
Contando coa participación doutros músicos amadores e profesionais da cidade, decidimos facer algo que achamos que nunca antesse fixera: interpretar, nun mesmo concerto, as tres versións da Negra sombra que, saídas da pluma de Montes, aínda se conservan: a versión para canto e piano, a versión para orfeón, e a versión para banda, esta última arranxada polo propio autor a partir da obra orixinal (hoxe perdida) escrita para grande orquestra, e da que a Negra sombra constitúe o movemento central, o segundo dos tres que conforman a “Fantasía sobre aires populares gallegos” premiada na Habana naquel 1892.
Estes músicos amadores e profesionais cos que tivemos a honra de contar no concerto foron: Esperanza Iglesias, soprano, Aurelio Chao, piano, o Orfeón “Xoán Montes” e David Robles Pacho, piano, dirixidos por Elisabeth Filgueira Gesteira e a Banda Filarmónica de Lugo dirixida por Iván Martínez Sabio. O programa do concerto estivo formado integramente por obras de Montes, e nel puidemos escoitar, alén das tres versións referidas da Negra sombra, a estrea da Romanza “Duerme la gota trémula” premiada en León tamén en 1892 e Baladas galegas (a cargo de Esperanza Iglesias e Aurelio Chao), a estrea o himno “A la venatoira” para orfeón (a cargo do Orfeón “Xoán Montes” e David Robles), e fragmentos da “Missa in honorem Sancti Iacobi Apostoli” a cargo de Solo Voces e Aurelio Chao, dirixidos por quen isto escribe, Fernando Gómez Jácome.
A partir do orixinal manuscrito e da publicación feita por Canuto Berea da “Fantasía sobre aires populares gallegos”, conservadas no arquivo do Seminario Diocesano de Lugo, Iván Martínez Sabio encargouse de adaptar a partitura para ser tocada no que é hoxe en día unha banda, que non se corresponde estritamente co que era hai 125 anos.
O busto de Montes en Lugo
Na estupenda obra biográfica “JUAN MONTES. Un músico gallego” escrita por Juan Bautista Varela de Vega con motivo do sesquicentenario de J. Montes, e editada pola Diputación da Coruña (1990), así como no libro do mesmo autor “Xoán Montes. Ou músico de Lugo” que editou o Concello de Lugo en 1999, centenario da morte do músico, e na obra “O músico Juan Montes y los poetas gallegos” (2001) tamén de Varela de Vega, o biógrafo comete o erro de confundir o lugar da primeira e segunda colocación do busto de Montes en Santo Domingo. Ese erro é repetido na obra publicada por El Progreso “FILLOS DE LUGO. Xoán Montes” en 2002, con textos de Teresa Lastra Magadán.
Convencido do erro deste dato, Fernando G. Jácome, director de Solo Voces, a través da lectura da prensa local da época e documentos que obran en poder de Juan Soto pode reconstruír a cronoloxía do busto máis ou menos así:
Trala morte de Montes a prensa de Lugo (EL Regional, 27 de xuño de 1899) apunta a idea de recordar a Montes ben cun Mausoleo, unha estatua, lápidas conmemorativas e o nome dunha rúa. Con data de 25 de xuño sae de Santiago unha carta da Liga Galega de Santiago, asinada por Alfredo Brañas como secretario e polo presidente, Salvador Cabeza León, que é recibida en Lugo días despois, formulando a idea de erixir un monumento a Montes en Lugo. No 28 de xuño o Círculo das Artes celebra unha xunta extraordinaria na que se dá lectura á carta da Liga Galega que reflicte o pensamento do acordo que fora tomado no día 24, polo que os socios do Círculo tiñan comisionado ao presidente, vicepresidente, secretario e director artístico da Sección Lírico Dramática, para que propuxesen o tipo de obra a facer coa que perpetuar a memoria de Montes:
Detalles da base do monumento.
Fotografías de Manuel Buján Peón
“Entende ademais, a Xunta que o nome de artista tan esclarecido, non pode ser esquecido no transcurso dos tempos; que a súa memoria debe manterse constantemente viva por medio de algo externo que a perpetúe e que o Círculo das Artes de Lugo está obrigado a tomar en tal sentido a iniciativa, e, ao efecto acorda que os citados señores presidente, vicepresidente e secretario, en unión do Sr. don Francisco Rodríguez Besteiro, director artístico na actualidade da sección Lírico Dramática, estuden e propoñan en prazo breve o modo de dar forma ás aspiracións da Xunta tendo en conta que o pensamento desta é o de realizar unha obra que non revista exclusivamente carácter local, posto que a perda irreparábel do mestre insigne afecta non soamente ao pobo lucense onde viu a luz da vida, viviu e produciu as súas máis fermosas composicións, senón aos galegos todos, que en Galicia buscan na música de Montes ledicia e entretenimento para o espirítu, e fóra de Galicia consolo ás tribulacións que ocasiona a nostalxia da patria.”
Pouco despois comezan a realizarse actos no Círculo para recadar fondos para levar a cabo estas ideas.
A morte de Alfredo Brañas, en 1900, como membro fundamental da Liga Galega supón en certo xeito un arrefriamento do impulso inicial. Entre 1900 e 1902 vanse a activar unha e outra vez subscricións para recadar fondos con que erixir un monumento.
Boletín de suscrición. Jesús Rodríguez López, o médico autor da letra de la muiñeira "O bico" aporta 5 pts.
Foto do arquivo de Juan Soto
Mentres o busto vai sendo proxectado, na cidade vaise pensando onde colocalo. Nun artigo de Jesús Rodríguez López, o médico, publicado no xornal El Regional en febreiro de 1900 apúntanse varias ideas sobre o mellor acomodo para dúas das estatuas que estaban sendo proxectadas para adornar as prazas de Lugo: unha civil, a de Montes, e outra de carácter relixioso, dedicada a “O salvador do mundo”. Jesús Rodríguez apunta como lugar idóneo para o busto de Montes a confluencia das rúas Castelar e Manuel Becerra (hoxe Rua Teatro e Rúa do Progreso, respectivamente) Para a estatua ao Salvador indica como lugar máis adecuado o centro da alameda da Praza Maior. Outros espazos que apunta como posibles para aloxar uns monumentos desas características serían en opinión deste médico os xardíns de palacio episcopal e os xardíns de Bispo Izquierdo.
Amor Meilán días despois contesta con outro artigo no mesmo medio poñendo reparos a colocar estatua algunha na praza Maior, pensando na inminente remodelación deste espazo, que levaría consigo a desaparición da antiga fonte dos leóns. Aínda así está de acordo con que o busto de Montes debe ser colocado nun lugar destacado: “... O de Montes é outra cousa; esa si que polo seu carácter profano e exclusivamente artístico, ten o seu sitio marcado no punto máis visible e de mellores perspectivas”
Meilán aduce que sería un erro colocar aí o busto para -quizá meses despois- ter que desmontalo para facer obras na praza: “e non creo que sexa cousa de ter que andar coa efixie do bondadoso mestre, dun lado para outro, a cada reforma que a praza Maior sufrir”
En febreiro de 1902 sácase a concurso o deseño do monumento, que ha ser busto só, e preséntanse sete propostas. En outubro de 1902 exhíbense para seren valoradas.
Foto do arquivo de Juan Soto
Elíxese a do escultor Eugenio Duque, e en xuño de 1903 o artista xa terminou o deseño do busto, que será fundido en Barcelona. En outubro dese ano é recibido en Lugo, nun caixón que pesa 120 kg.
Artigo de El Correo Gallego dnde se descrebe o proxecto do busto no obradoiro do escultor Eugenio Duque, antes da súa fundición. Maio de 1903
(click para ampliar)
Modelo en xeso do busto de Montes. Museo diocensano de Lugo. (Fotos de Fernando G. Jácome)
En 1904 é colocado o busto e monumento na praza de santo Domingo, nese cruzamento das dúas rúas que apuntaba Jesús Rodríguez, fronte á casa de Correos. As obras son supervisadas por Eugenio Duque, e levadas a cabo entre os días 12 e 14 de xaneiro. Rematada a obra, tápase cun pano branco, que lucirá por 2 meses completos. Faise unha nova subscrición para facer un lindo xardín e beirarrúas que rodeen o monumento.
Plano de Lugo datado entre 1903 e 1914
Detalle do centro da cidade. Santo Domingo co monumento e os xardinciños na confluencia de Manuel Becerra e Castelar
Arquivo histórico provincial de Lugo
A inauguración do busto espera a que sexan resoltos varios asuntos. Por exemplo, nunha sesión do municipio celebrada no 25 de xaneiro de 1904 discútese unha petición dos veciños de Sto. Domingo: "piden que o xardín que ha rodear o busto do mestre Montes se reduza de maneira que permita destacarse mellor a artística obra e non ocupe case toda a parte superior da praza"
O busto de Montes na sua primeira colocación (entre 1904 e 1915) "...mirando ao escudo da casa de correos..."
No xornal do 16 de febreiro de 1904 o xornalista “Ramiro” de El Regional escribe escandalizado por non se ter terminado a obra e non se ter inaugurado o monumento que xa leva un mes co trapo sucio na cabeza (o pano branco) e di: "unha cousa é o que deba facerse e outra o que se fará. [...] por iso, sen dúbida, non se colocou no centro da praza en que se levantou; por iso, sen dúbida, colocóuselle mirando ao escudo da casa de correos, coma se de propósito buscásese a peor orientación e a menor visibilidade..."
Finalmente, coa visita de Alfonso XIII a Lugo o 15 de marzo dese ano esparexeron area nas rúas de S. Marcos, Sto. Domingo e Raíña e quitaron o trapo da cabeza do pobre Montes, sen inauguración algunha. É un pouco triste.
Anos despois, coa aparición dos coches a motor modificouse a Praza. En 1906 constrúese a Praza de Abastos (todo o mercado facíase na zona baixa da praza en tempos de Montes, polo que sería un estorbo colocar aí o monumento inicialmente). En 1915 se planea a remodelación, construción de beirarrúas e un paseo céntrico que foi chamado polo enxeño popular "a tixola" porque era estreito e longo na zona alta da praza e redondo na zona baixa, onde se ve na foto o busto de Montes:
A "tixola" co monumento ao fondo, diante do Palacete de Velarde
diante do Palacete de Velarde
Entanto se remodela a praza, discútese a onde se debe levar o busto: uns propoñen levalo ao xardín de Bispo Esquerdo (Campo Castelo) e outros (o alcalde) colocalo no extremo do paseo céntrico. Desde a colocación da estatua de Montes en Sto. Domingo o busto foi lugar de realización de homenaxes e ofrendas de moitos coros de toda Galiza, de toda España que non quixeron deixar caer no esquecemento a memoria de Montes.
1916. O busto de Montes na sua segunda colocación. Rondalla Airiños da Terra de Ferrol rende homenaxe a Montes
Anos despois o busto foi parar aos xardíns de S. Roque. O inadecuado do lugar para continuar coa tradición de homenaxes a Montes -e hai incontábeis reseñas de homenaxes musicais e florais - ben o sabe o Orfeón “Xoán Montes” que todos os anos canta ao mestre con motivo do seu aniversario.
En 1940 escribía no xornal local O Progreso o Sr. Trapacero (José Trapero Pardo), a modo de broma, algo que nos dá idea de máis ou menos cando se comezou a pensar en exiliar a Montes:
"EL Progreso". 5 de maio de 1940
click na imaxe para ler o artigo
Busto de Montes na sua terceira situación, nos xardins de S. Roque
Arquivo histórico provincial de Lugo
A mediados dos anos 70, no ocaso do franquismo, apareceu un artigo de opinión no xornal local, El Progreso, asinado por "un clásico lugués" (José Barreiro Varela) no que se lanzaba a idea de trasladar o busto do músico a un novo emprazamento. Empezando por recoñecer que a localización nos xardíns de San Roque era totalmente inadecuada, segundo sempre foi opinión manifesta dos amantes da música pola incompatibilidade desa ubicación con calquera intento de seguir coa tradición de render homenaxes musicais á figura de Montes, José Barreiro propón a Praza do Museo como lugar máis idóneo para unha nova e definitiva localización do busto. Apoiando a argumentación a favor desta contorna indica (esquecéndose ou ignorando que o propio Montes naceu nunha casa moi próxima a esta praza) que unha tía de Montes, Josefa Capón, viviu e morreu nesa mesma rúa. Josefa, casada con Pedro Latorre, foi nai de dous músicos importantes e ligados a Montes: Baldomero Latorre (en vida de Montes director da Banda Municipal de Lugo, e posteriormente da de Monforte) e Juan Latorre (director da banda de Viveiro), tíos de Vicente, outro estupendo músico que viviu durante anos fronte a esa praza. Vicente fixo donación do seu arquivo musical que contiña obras tan importantes como o manuscrito da "Negra sombra" para orfeón que se garda hoxe no Museo Provincial de Lugo. Tamén foi o creador e director do primeiro Orfeón Xan Montes, o formado en 1949, non o actual Orfeón "Xoán Montes" fundado por Enrique Alvarellos a comezos dos anos 80 do pasado século. Sen esquecer que tamén a Rua Nova foi berce do máis importante músico lucense logo de Montes: Gustavo Freire. Por isto e polo favorable da contorna para os actos musicais propoñíase esta praza como solución ao "desterro" de Montes. O artigo ía acompañado dunha fotomontaxe ilustrando o fermoso do resultado:
Fotomontaxe publicada en "El Progreso"
En 2011, nunha das xornadas que Sóolo Voces dedicamos a Montes, comentou -a modo de broma- o noso director Fernando a Antón Bao, o entón deputado de Cultura, que vista a traxectoria que levaba a estatua en cuestión ía sendo hora de colocala nunha glorieta nos arredores da cidade, en Ou Ceao, por exemplo. Aí foi a primeira vez que se falou de que a estatua itinerante, ou a estatua centrífuga, ben merecía estar no centro, onde lle corresponde ao fillo máis ilustre da cidade de Lugo. Desde ese momento comezou a promoverse unha iniciativa popular, liderada por Julio Méndez Menéndez de Llano e do director do noso coro, máis tarde apoiada por compañeiros do orfeón "Xoán Montes", Manuel Buján Peón e Antonio Cabarcos, co empeño de devolver o busto á súa localización orixinal, a Praza de Santo Domingo de Lugo. Tras un estudo técnico rexeitouse a recolocación do busto por cuestións de incompatibilidade co estado urbanístico actual, pero a corporación municipal acordou buscar un lugar na Praza Maior de Lugo, preto do Seminario onde Montes iniciou a súa carreira musical, da Catedral e do Círculo das Artes, onde desenvolveu parte da súa actividade, do quiosco da música, tantas veces escenario da súa música, e do edificio do antiga Casino onde tamén traballara como pianista.
Deste xeito a comezos de novembro de 2019 puidemos ver como comezaron as obras de traslado de busto e pedestal. O busto foi levado ao obradoiro de PARTELUZ, empresa que se fixo cargo da empresa de restauración e traslado. En xaneiro de 2020 fomos convidados a ver de preto, no obradoiro de PARTELUZ, o estado do busto que finalmente foi colocado no medio dos xardíns da Praza Maior en maio dese mesmo ano. Con motivo do aniversario do falecemento de Montes, 24 de xuño, unha vez retirada a estrutura das obras, levouse a cabo unha pequena cerimonia de homenaxe a Montes no que interviñeron Esperanza Iglesias Méndez (soprano) e Aurelio Chao (piano) facendo soar algunhas das baladas de Montes, Indalecio Fernández Groba e Rosendo Iborra Jover, os dous últimos directores da banda municipal, que fixeron unha ofrenda floral, e Fernando Gómez Jácome, director de Solo Voces, que fixo unha breve recensión biográfica e expuxo os motivos da decisión do traslado ante o pouco público que as condicións sanitarias da pandemia de COVID-19 permitiu reunir.
Retirada do busto e pedestal. Restauración.
O busto na sua nova ubicación. Homenaxe no 24 de xuño de 2020.
Hoxe loce o busto nun lugar de honra na nosa cidade, rodeado dos xogos dos nenos e os paseantes e turistas que visitan os nosos xardíns da Praza Maior, para honra do noso pobo.
Montes e os seus orfeóns na poesía do seu tempo
Non e un feito moi coñecido, na aínda escasamente coñecida biografía de J. Montes, que poetas ilustres como Pondal, Leiras Pulpeiro ou Aureliano J. Pereira, por citar algúns deles, escribiron poesías dedicadas ao noso músico.
Descarga do arquivo en pdf do traballo sobre
Montes na poesía do seu tempo
Alén do uso que Montes, como compositor, fixo da obra dos poetas do seu tempo como material sobre o que crear as súas obras: Rosalia de Castro para as baladas "Doce sono" e "Negra sombra", Aureliano Pereira para as baladas "Lonxe da terriña" e "O pensar do labrego", a escena coral "A sega", a muiñeira "Maruxiña, se quixeres", o "Vals a la Venatoria”, Curros Enríquez para a balada "Unha noite na eira do trigo", Salvador Golpe Varela para a balada "As lixeiras anduriñas", Segismundo Rois na pregaria "El piélago del mundo" e na mazurca "Delante de tu reja", Xesús Rodríguez López na muiñeira "O bico", Isidoro Roso en "Una flor a María", etc... tamén os poetas da época de Montes se inspiraron na figura do célebre músico para as súas creacións literarias.
Jesús Rodríguez López: poesía dedicada a Montes (frag.) para
ser cantada coa letra da muiñeira "O bico"
Traballando como músico en diversos ámbitos, a figura de Montes aos poucos foi medrando e atinxindo un maior recoñecemento tanto nas súa cidade natal, Lugo, como fóra da cidade e mesmo da rexión galega. Desde o seu primeiro premio como compositor, logrado en 1887 polo seu “Te Deum” para coro e orquestra nun certame de composición celebrado no Escorial (Madrid) Montes, que para os lucenses era o fundador e ex-director da banda municipal e director do afamado Orfeón Lucense que conseguira tan soado premio no certame de Ferrol comezou a ser unha figura a cada paso máis e máis querida e admirada. O ano de 1888 creou o Orfeón Gallego, co que obterá fama e a gloria dos laureados coas súas participacións nos certames de orfeões de Santander e Bilbao no 1892, que o proxectaron tamén como unha figura musical de relevancia en toda España. Ademais como compositor recibiu tamén en Vigo no 1888 sendos premios por unha Aborada e un "Pasodoble". Entre 1887 e 1892 xa levaba conseguidos unha ducia de galardóns como compositor, e dado á súa cidade de Lugo a oportunidade, con cada premio, de festexar con orgullo o seu fillo.
Co presente traballo trato de reunir as poesías que inspirou a genial figura do compositor J. Montes Capón. Alén dos exhaustivos traballos de Juan Baustista Varela de Vega (q.e.p.d.) sobre a vida de Montes e a súa relación cos poetas, aos que facemos ralação nesta páxina web, aporto algúns datos e obras que el ignorou, ou que lle pasaron inadvertidas, como as décimas que compuxo Alfredo Brañas e foron recitadas en Santiago na velada celebrada en novembro de 1899, á morte de Montes, e que permaneceron ocultas durante 50 anos até que foron publicadas nun xornal de Santiago de Compostela, e que de telas coñecido o esforzado biógrafo de Montes de seguro estaría encantado de poder incluír no seu traballo "El músico Juan Montes y los poetas gallegos".
Décimas de Alfredo Brañas escritas no 1899
Nesa publicación o autor ofrece a versión do poema de Leiras Pulpeiro tirada de "Manuel Leiras Pulpeiro: Poesía galega completa" identificándoa como de máis antiga edición, que data -se non estou errado- de 1984, entanto eu aporto a edición publicada pola prensa lucense con motivo do primeiro cabodano de montes, no 1900, e máis a imaxe da páxina da revista "Céltiga" de febreiro de 1932 onde é publicado o dito poema. Do mesmo xeito identifica como versión máis antiga do poema de Pondal "Á memoria de Jan Montes" a publicada pola Real Academia Galega no 1935 cando no presente traballo aporto a versión tamén publicada na prensa lucense o mes de outubro de 1899.
Poesía escrita en Mondoñedo por Leiras Pulpeiro no 1899, publicada no 1932 na revista "Céltiga"
Tamén, con ánimo de gardar fidelidade ás fontes antigas, conservo o xeito que cada autor utilizou para verter en escritura o seu idioma galego, que na altura carecía dunha ortografia normalizada aceptada no noso país. É de interese comprobar como cada autor resolvía cuestións fonéticas retorcendo e terxiversando a ortografia castelá na que se baseaban para expresar a súa lingua galega. Neste aspecto só corrixín algún erro evidente.
Polo dito, sirva como complemento á obra de Bautista Varela de Vega.
Fernando G. Jácome
AUDIOS
Algunhas obras e fragmentos gravados por Solo Voces no noso Cd Grupo Vocal Sólo Voces - "Dous Séculos de Música Lucense"
02 - Juan Montes - Veni creator
03 - Juan Montes - Negra sombra
04 - Juan Montes - Un bico (Muiñeira para orfeón)
05 - Juan Montes - Misa de defuntos - Introito
06 - Juan Montes - Misa en honor do Apóstolo Santiago - Kyrie
07 - Juan Montes - Misa en honor do Apóstolo Santiago - Sanctus
08 - Juan Montes - Misa en honor do Apóstolo Santiago - Benedictus
XORNADAS SOBRE JUAN MONTES
Entre os días 25 e 29 de abril de 2011 Sólo Voces organizamos unhas xornadas en torno á figura do máis importante dos músicos galegos, o noso paisano Juan Montes Capón.
Foron unhas xornadas “para escoitar, ver e sentir ao músico lucense”, motivadas polo esquecemento en que cremos que está sumido inxustamente o autor, tanto a súa obra como a súa vida.
As xornadas consistiron en: (descargar revista en PDF)
- Unha exposición, no refectorio do Museo Provincial, de obxectos relacionados con Montes: as súas partituras, documentos históricos, imaxes e uns paneis explicativos de distintos aspectos da vida e obra dos mestre Montes.
- Unhas conferencias en torno á súa vida, a súa obra, a súa época, o Lugo de finais do século XIX, coa colaboración de Adolfo de Abel Vilela, Lois Seixo Castro e Xan Carballal.
- Un ciclo de cinco concertos centrados nos distintos ámbitos nos que Montes desenvolveu a súa música: as baladas, a música para Orfeón, a música orquestral, a música para banda e por último, a sinfónico–coral. Todo isto, coa colaboración da Deputación provincial, o Museo Provincial, e o Concello de Lugo, que prestaron as instalacións e financiaron o proxecto, co préstamo do material para a exposición do Seminario Diocesano, Museo catedralicio, Convento de Clarisas de Monforte e outros doantes particulares como Juan Soto, da Fundación TIC que gravou todos os actos da semana, e da sempre socorrida Parroquia de San Pedro, que cedeu o seu templo para algúns concertos.
Os concertos e conferencias seguiron o plan que mostran os correspondentes dípticos:
25 de abril: inauguración das xornadas a cargo de Antón Bao, na Sala do Mosaico do Museo Provincial, e concerto de Carmen Subrido (soprano) e Xoán Elías Castiñeira (piano) interpretando as “Seis baladas galegas”.
26 de abril: percorrido con Adolfo de Abel Vilela polos espazos da cidade lucense máis significativos na vida de Montes. Acompañado por Sólo Voces e Aurelio Chao, que ofreceron diversas obras corais e orfeonísticas de Montes e outros.
27 de abril: conferencia de Lois Seixo Castro sobre o Lugo de finais do século XIX. Posteriormente un concerto do cuarteto “Saiva Nova” ofreceu obras para corda de Montes, coreografiadas por alumnas do CDAN de Lugo.
28 de abril: conferencia de Xan Carballal sobre aspectos técnicos da obra de Montes, seguida dun concerto da Banda Municipal de Música de Lugo, coas obras para banda do autor.
29 de abril: concerto de clausura de Sólo Voces acompañado pola Orquestra Clásica de Xove, dirixidos por Xan Carballal, que ofreceron a “Missa in honorem Iacobi Apostoli”
Tanto os concertos como as conferencias e a exposición foron un éxito de público. Así lucía o Refectorio do Museo provincial antes da inauguración:
Os paneis informativos, despois de estar expostos esa semana no Museo Provincial, foron expostos en distintos centros de ensino, como o Conservatorio “Xoán Montes”, que leva o nome do mestre.
Como recordo para o público presente elaboramos unhas bonitas postais para regalar aos asistentes, baseadas nas portadas da obra impresa de Montes:
Aquí pódense ver uns vídeos da xornada inaugural, con Carmen Subrido e Xoán Elías Castiñeira, e da xornada de clausura a cargo de Sólo Voces e Orquestra Clásica de Xove, dirixidos por Xan Carballal.
Baladas Galegas - O Pensar d'o labrego (Juan Montes)
Baladas Galegas - Unha noite n'a eira do trigo (Juan Montes)
Baladas Galegas - Doce Sono (Juan Montes)
Baladas Galegas - Lonxe da Terriña (Juan Montes)
Baladas Galegas - Negra Sombra (Juan Montes)
Baladas Galegas - As Lixeiras Anduriñas (Juan Montes)
Misa en Honor do Apóstolo Santiago (Juan Montes) - Kyrie
Misa en Honor do Apóstolo Santiago (Juan Montes) - Gloria
Misa en Honor do Apóstolo Santiago (Juan Montes) - Credo
Misa en Honor do Apóstolo Santiago (Juan Montes) - Sanctus e Benedictus
Misa en Honor do Apóstolo Santiago (Juan Montes) - Agnus Dei
publicacións
Xan Montes. O músico esquencido INB. Xoán Montes |
Biografía | |
Juan Montes. Un músico gallego Juan Bautista Varela de Vega
|
Biografía | |
Xoán Montes. O músico de Lugo Juan Bautista Varela de Vega |
Biografía | |
El músico Juan Montes y los poetas gallegos Juan Bautista Varela de Vega |
Estudio da relación dos poetas galegos co músico lucense | |
FILLOS DE LUGO. Xoán Montes Teresa Lastra Magadán |
Breve biografía baseada nas anteriormente publicadas | |
Historia do Orfeón lucense (Orfeón gallego) (1879 - 1909) Juan Bautista Varela de Vega
|
Historia do Orfeón lucense e Orfeón Gallego | |
Juan Montes, seminarista de Lugo José López Calo |
Obras musicais da primeira etapa do músico, durante a súa estadía no seminario de Lugo. | |
Las obras musicales de Juan Montes José López Calo |
Edición das obras musicais de Montes Vol. I. Seis baladas gallegas |
|
Obras para piano (I) Edición crítica de Joám Trilho |
Obra pianística de Montes editada por Joám Trilho | |
Obras para piano (II) Edición crítica de Joám Trilho |
Obras para piano a 4 e 6 manos. Edición crítica e transcrición de Joám Trilho |
|
Fantasía sobre aires gallegos
Concello de Lugo |
Adaptación feita por Iván Martínez Sabio da obra "Fantasía sobre aires gallegos" para banda moderna. | |
Clásicos galegos. Vol. I Sons Galiza |
Orquestra de cámara de Xove e Grupo Vocal "Solo Voces" Música de Pacheco, Santabaya, Bal y Gay (Concerto grosso) e J. Montes (Misa en Honor del Apóstol Santiago) |
|
Clásicos galegos. Vol. II Sons Galiza |
Orquestra Municipal de Xove |
|
Dous séculos de música lucense Excma. Deputación Provincila de Lugo |
Grupo Vocal Solo Voces, Orquestra Vigo 430, Aurelio Chao (piano), Irina Bunkova (soprano). Música de autores lucenses: Pacheco, Pascula Veiga, Juan Montes, Gustavo Freire, Bal y Gay, García Julve, Moreno Fuentes... |
|
Que bela te deu Deus! Dos acordes |
"Seis baladas galegas" de J. Montes e "Oito canções sobre poemas de Rosalia" de Moreno Fuentes Esperanza Iglesias Méndez, soprano Aurelio Chao, piano |
PARTITURAS
Ofrecemos tres obras inéditas para voz e piano escritas en língua castelá.
Salve Regina | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | 1857 | |||
En Belén hai moita festa | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | 1857 | |||
Quem terra, pontus, sidera | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | 1857 | |||
Veni creator spiritus | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | 1860 | |||
Ai, Maruxiña (O Bico) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Muiñeira TTBB Letra de Jesús Rodríguez López (1859 - 1917) | |||
Adiós | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | August Heinrich von Weyrauch (1788 - 1865) arranjo para orfeão de J. Montes | 1888 ca. | ||
Lonxe da terriña | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Letra de Aureliano José Pereira (1855 - 1906) | 1888 | ||
Nocturno | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Orfeão a 4 vozes | 1891 | ||
Himno a Guttenberg | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Orfeão a 4 vozes | |||
1ª Barcarola | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Orfeão a 4 vozes | |||
As lixeiras anduriñas | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Arranjo do autor para Orfeão. Texto de Salvador Golpe Varela (1850 - 1909) | 1890 | ||
Plegaria a la Virgen (El piélago del mundo) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | TTBB Segundo a versão apresentada ao concurso | 1890 | ||
Plegaria a la Virgen (El piélago del mundo) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | TTBB ou TTBB+ órg. ou T + órg. Segundo versão editada por Canuto Berea |
1890 | ||
Introito | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Oficio y Misa de difuntos | 1891 | ||
Negra sombra (TTBB) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Letra de Rosalía de Castro (1837-1885) | 1892 | ||
Negra sombra (SATB) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Letra de Rosalía de Castro (1837-1885) | 1892 | ||
Maruxiña si quixeres | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Letra de Aureliano José Pereira (1855 - 1906) | 1892 | ||
Misa sobre himnos eucarísticos | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Sobre os hinos "Sacris solemniis" e "Pange lingua" | 1892 | ||
2ª Barcarola | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Laureada com o Primeiro Premio no certame musical de Leão | 1892 ca. | ||
O salutaris | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Motete a 4 vozes sós | 1896 ca. | ||
Motete al Santísimo (Ego sum panis vivus) | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | 1897 ca. | |||
Kyrie | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Misa en Honor del apóstol Santiago | 1897 | ||
Sanctus y Benedictus | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Misa en Honor del apóstol Santiago | 1897 | ||
Benedictus | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Misa en Honor del apóstol Santiago | 1897 | ||
Agnus Dei | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Misa en Honor del apóstol Santiago | 1897 | ||
Genitori | Juan Montes Capón | 1840 | 1899 | Manuscrito de Juan Antonio Moreno Fuentes |